Unha impugnación atrasa o envío da documentación electoral aos emigrantes galegos

A Oficina do Censo Electoral confirmou que aos inscritos no CERA por Ourense xa se lles está a enviar. Isto acontece porque 'Máis Galicia' impugnou as listas de 'Terra Galega' por mor dunha disputa interna entre ambos os dous partidos. Os afectados serán os 117.920 inscritos no CERA pola Coruña, os 44.007 por Lugo e os 99.054 por Pontevedra, que suman un total de 260.981 votantes -dos 335.452 galegos no estranxeiro- que poderían recibir a documentación para votaren fóra de prazo ou co tempo moi xusto para o faceren. O envío da documentación electoral debería ter principiado o 3 de febreiro e rematado o 9, segundo está fixado no calendario da Oficina do Censo Electoral.