Aparentemente os feitos responderon a un intento de roubo. O mesmo día, Jesús Ovidio Domínguez, orixinario de Muxía (A Coruña) foi secuestrado en Caracas cando saía da pastelaría que rexentaba. Os secuestradores pediron un rescate de 300 millóns de bolívares. “A súa muller conseguiu 150 millóns e nós estamos a tentar vender todo o que temos para vermos o que conseguimos, pero vexo imposíbel acadar tantos cartos”, laióuse a irmá do secuestrado. O presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Venezuela, Cándido Rodríguez, descartou que se vaia a producir un regreso masivo dos emigrantes a España perante o aumento da inseguridade no país, porque “xa están instalados, teñen os seus negocios, fillos e ata netos, e están enraizados”.