Quintana enviou unha mensaxe dende Santiago e ‘Milladoiro’ e Susana Seivane actuaron nos actos do centenario do Himno celebrados en Bos Aires e Montevideo

Quintana afirmou que este é “o canto da Galicia que se sinte responsábel do seu porvir e o son dun país que está certo de ter un futuro de benestar se confía na capacidade das súas xentes”.
En Bos Aires, a colectividade galega festexou o centenario do Himno cun concerto celebrado no campo de deportes do Centro Galicia no que actuaron ‘Milladoiro’ e ‘Xeito Novo’. O acto foi transmitido en directo a todo o mundo polo sinal internacional da Televisón de Galicia (TVG).
En Montevideo, o centenario do Himno foi festexado cunha gala organizada pola Secretaría Xeral de Emigración da Xunta na que actuou a banda da gaiteira Susana Seivane xunto co grupo local ‘Os Williams’ e o emigrante José García.