O acordo foi facilitado pola renuncia do BNG a limitar o dereito a voto nas municipais, algo no que non estaban de acordo nin o PSdeG nin o PPdeG. O consenso baséase en tres puntos. Un é a regulación das campañas no exterior. Outro, a actualización do Censo Electoral de Cidadáns Españois no Exterior (CCEE), antigo CERA. En concreto, proponse que se faga unha revisión completa e extraordinaria unha vez que se aprobe a reforma. Tamén, que se establezan convenios cos países de residencia dos emigrantes para o cruzamento de datos e a depuración do censo. O terceiro punto é o voto en urna que incluirá unha nova regulación do sufraxio por correo para aqueles emigrantes que non poidan empregar o sistema presencial. Cabe destacar que o peso da organización e control do voto en urna recaerá sobre os consulados españois e que estes non andan sobrados de medios materiais e humanos. O texto definitivo será aprobado o vindeiro venres día 9 de maio e deberá ser votado primeiro no pleno da Cámara galega para logo ser remitido ao Congreso. Tanto o PSdeG, como o PPdeG e o BNG confían en que o feito de que sexa unha proposta unánime da Cámara galega facilite a tramitación da reforma.