Na súa proposta de plan de traballo tamén aparecen os conselleiros de Presidencia e Traballo, José Luís Méndez Romeu e Ricardo Varela. O BNG coincidiu cos populares en pedir a comparecencia de Varela, pero reclamou tamén a presenza do líder dos populares, Alberto Núñez Feijóo, para que aborde a suposta entrega dun cheque ao Centro Galego de México durante unha visita a este país, así como as dos ex altos cargos de Emigración no Goberno de Manuel Fraga, Aurelio Miras Portugal e Fernando Amarelo de Castro. O secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, considerou que socialistas e nacionalistas “están polo paripé e polo desvío da atención” na comisión de investigación xa que menos da metada das comparecencias que solicitaron teñen “relación directa” con este caso. O deputado socialista Xaquín Fernández Leiceaga mostrou a súa “convicción” de que o PPdeG “está a construír” o caso da axente electoral do PSOE “de común acordo” coa muller beneficiaria do billete e que denunciou a situación, María Isabel Blanco.