Rueda fixo públicos unha serie de correos electrónicos, un billete de avión e un contrato laboral para xustificar as súas acusacións. A beneficiaria deses voos era María Isabel Blanco Rodríguez, emigrante retornada, que non dubidou en admitir que traballou como axente electoral de Félix Puerto, actual alcalde socialista de Muxía, durante a devandita campaña. Rueda asegurou que esta persoa viaxou a Bos Aires cunha bolsa de viaxe de uns 30 quilos cargada con correspondencia electoral que lle entregou o entón candidato a alcalde de Muxía para repartila na capital arxentina. O secretario xeral do PPdeG pediu o cesamento do secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, e do conselleiro de Traballo e secretario de Organización do PSdeG, Ricardo Varela; e máis a dimisión da deputada socialista Marisol Soneira por seren os principias responsábeis da trama. Rueda solicitou tamén a comparecencia urxente do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, perante o pleno do Parlamento galego para explicar o caso.