O deputado do BNG fixo estas declaracións aos medios nos corredores do Congreso unha vez rematada a sesión da Subcomisión de reforma da lei electoral na que se abordaba especificamente a cuestión exposta polo BNG de tratar en primeira instancia e con carácter urxente a reforma do voto dos residentes ausentes. O PSOE propuxo que os emigrantes poidan votar en urna en consulados e embaixadas, que as papeletas sexan enviadas en sacas precintadas a través de valixa diplomática e que o día da votación se adiante á xornada electoral en España para que o reconto se poida realizar na mesa data. O meirande atranco para avanzar no acordo cos demais grupos, sobre todo con PP e BNG, foi o voto por correo. Estes dous partidos defenden que sexa un voto rogado (a petición expresa do votante), algo que rexeita o PSOE porque pode reducir a xa de seu baixa participación.