O rexedor de Muxía reiterou en varias ocasións que Blanco “non é unha axente electoral do PSOE nin traballou nunca” para o partido. Porén, Porto recoñeceu que foi el quen ordenou contratar a Blanco e non acadou convencer os deputados do PP e do BNG de como é posible que a muller estivese 53 días de vacacións e traballase en Vimianzo no canto de en Ourense. Pola súa banda, o deputado do PP Antonio Rodríguez Miranda amosou o seu desacordo con que o alcalde comparecese tamén como responsable de Unións Agrarias e dixo que a Consellería de Traballo “debería principiar un expediente para que se devolva a subvención” concedida a María Isabel Branco por entender que non se axustou ás bases, algo no que coincidiu o nacionalista Carlos Aymerich. Por outra banda, o ex conselleiro de Emigración co Goberno do PP, Aurelio Miras Portugal, realizou unha defensa sen concesións dos galegos na emigración e mostrouse de acordo en mellorar o sistema de voto e en velar polo bo nome dos galegos do exterior. “Síntome emigrante”, chegou a proclamar.