Feijóo criticou duramente ao presidente da Xunta e espetoulle que “o seu saldo de ética na emigración hai tempo que está en números vermellos”. O presidente do PPdeG amosou unha foto na que aparece Touriño xunto a un grupo de persoas galardoadas pola Fundación Iniciativas XXI, entre as que se atopaba a suposta axente electoral do PSOE. O presidente da Xunta tachou ao líder da oposición de “demagogo”, “mentireiro”, “manipulador”, “incoherente” e “atormentado polo seu pasado”, e reprochoulle que a súa postura sexa froito “da súa mala conciencia” por formar parte dos Executivos de Manuel Fraga, que ao seu xuízo si se valían de viaxes oficiais para pediren o voto para o PP.