Feijóo anuncia en Caracas que Rajoy porá en marcha un plan de atención sociosanitaria para os españois en países en crise

Feijóo fixo este anuncio durante a súa viaxe a este país, nun acto cunha morea de membros da colonia española. O dirixente popular afirmou tamén que o PP ten intención de aumentar as dotacións humanas e materiais do servizo exterior para facer unha defensa xurídica firme dos intereses económicos e patrimoniais dos nacionais en risco de seren atinxidos por medidas gubernamentais de dubidosa legalidade. Feijóo comprometeu ademais a posta en marcha de “ventaniñas únicas” nos consulados para mellorar a atención aos cidadáns que precisen efectuar algún trámite. En Venezuela viven 154.000 españois, dos que 32.000 son galegos. O presidente do PPdeG mantivo tamén unha xuntanza cun grupo de empresarios españois na que insistiu na necesidade de que o Goberno central extreme o celo para que todos os votos emitidos polos españois no exterior cheguen ao seu destino antes de rematar o plazo estabelecido para o reconto. Feijóo asegurou que nas pasadas eleccións autonómicas milleiros de votos de emigrantes galegos chegaron fóra de prazo por teren sido retidos nos lugares de partida.