O programa da conmemoración, que terá como escenario a cidade de Bos Aires, está integrado por cinco actos institucionais que tentan salientar o gran legado que os galegos da emigración e do exilio achegaron ás letras e ás artes de Galicia, a súa destacada contribución á proxección universal da nosa cultura e a súa capacidade de tecer lazos de afecto e intercambio enriquecedor coa intelectualidade dos países de acollida. Esta será a primeira vez que un presidente da Xunta celebre na Arxentina o Día das Letras Galegas e a segunda que o faga na Galicia exterior, despois do acto institucional celebrado en Montevideo en maio de 2005.