000 persoas. En total foron cinco os actos institucionais que Pérez Touriño presidiu en Bos Aires. As celebracións principiaron o venres 16 no Centro Cultural Borges coa inauguración dunha mostra antolóxica da obra de Luís Seoane que percorre a intensa actividade despregada polo artista, especialmente na súa faceta de muralista e de promotor dunha infinidade de publicacións da emigración. Horas máis tarde, o máximo titular do Goberno galego presidiu a reapertura do remodelado Teatro Castelao, pertencente ao Centro Galego de Bos Aires, ocasión na que se desenvolveu un festival poético musical no que se percorreron as 45 edicións do Día das Letras Galegas celebrados desde 1963. O Salón Dourado da Casa de Cultura de Bos Aires foi o escenario no que tivo lugar o primeiro acto do sábado 17. Alí foron presentados os primeiros tres libros da colección ‘Miradas alleas’, promovida pola Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta, que reflicten a relación que mantiveron con Galicia Jorge Luis Borges, Ernesto Sábato e Julio Cortázar.