Altos cargos de Interior e Exteriores ven inviábel a reforma da Loreg antes das eleccións galegas

Así o deixaron patente o secretario xeral de Asuntos Consulares e Migratorios de Exteriores, Francisco Javier Elorza, e o director xeral de Política Interior, Adolfo Hernández, diante da subcomisión sobre as posíbeis modificacións do Réxime Electoral Xeneral na súa xuntanza do pasado 19 de novembro. O voceiro nacional do BNG e vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana, lamentou que o Goberno de Madrid “non fixo as cousas como se deberían”. Deste xeito, lembrou que en Galicia os tres grupos aprobaron por unanimidade unha proposición de lei “para solucionaren o problema”. “Se o Goberno de Zapatero lle tivese feito caso ao Parlamento galego, isto xa estaría amañado e agora existe o perigo de que non cheguemos a tempo”, manifestou.