A escritora brasileira de orixe galega Nélida Piñón homenaxea os emigrantes ao recibir a Medalla de Ouro da Emigración

A escritora, nada en Río e gañadora do Premio Príncipe de Asturias en 2005, lembrou que a súa novela ‘A república dos soños’ trata de 200 anos de Brasil e da épica da emigración. Piñón cualificou o emigrante de “heroico” e afirmou que “merecería o estatuto de exiliado, que é aparentemente máis elegante”, por ter dado “dimensión a Europa”. O emigrante “amosou unha solidariedade, unha grandeza moral extraordinaria, porque mantivo unha ponte entre o seu novo país e a súa pequena aldea”, dixo.